As persoas somos o combustible do efecto PO2 para construír xuntas a contorna que queremos.
O pasado 29 de xuño tivemos a oportunidades de voltar a reencontrarnos coas persoas que vamos conformando A Redeira.
A Concelleira de Promoción da Cidade Anabel Guías compartiu en que consiste A Redeira como espazo de pensamento, conexións e rede que se articula a través dun peto colaborativo entre as persoas do noso territorio.
Sinalou que un dos elementos clave deste movemento cidadá é a de achegar ideas para construír a contorna que queremos. É por iso que durante este encontro tivemos a oportunidades de dar ideas e propostas para estes novos tempos onde máis que nunca son esenciais as redes de colaboración e axuda mutua.
Descubrindo A Toda Vela
Comezamos o encontro coñecendo de primeira man a algunhas das participantes do proxecto da Redeira A Toda Vela. Trátase dun programa de acompañamento personalizado de A Redeira para quen teña un proxecto, unha idea ou ganas de avanzar non seu desenvolvemento persoal.

Coñecemos casos de persoas que xa participan do mesmo para saber como lles está a axudar e promover que outras poidan sumarse para seguir creando redes de colaboración.
David falounos do seu proxecto de fomento do deporte na nosa cidade a través da escalada.
Inés compartiu Bruxuleando. Serán encontros para intercambiar coñecementos e inquedanzas entre persoas emprendedoras, profesionais e empresas de A Toda Vela coa Asociación Pontebrújula.
Coñecendo alianzas 60+ de A Redeira

Aproveitamos a ocasión para coñecer a experiencia dalgunhas das redeiras máis activas. Ana Santos fai parte do movemento De Vella A Bella cuxo obxectivo é promover a cidadanía activa na xeración 60 Plus.
Explicou como imos forxando a alianza entre A Redeira e De Vella a Vella a través de encontros creativos mensuais de intercambio de ideas e inquedanzas.
Os novos pasos de A Redeira con Empatía & co
Compartimos os novos pasos do avance de A Redeira para os próximos meses. Explicamos en que consistirá Empatía & co. En cada encontro, charlaremos sobre a importancia de conectar, de coñecer as nosas emocións e charlar sobre elas. O obxectivo é falar sobre como nos sentimos a través de compartir pensamentos, crenzas e opinións coa finalidade de aprender a coñecernos mellor.
Somos conscientes que a rede de apoio conxunto é un mecanismo para identificar como avanzar e construír en compañía. Moi pronto informaremos sobre as vindeiras datas.
A Cacharela en ideas

Unha cacharela é morea de leña ou outro combustible que arde e fai laparada. Baixo esta metáfora foron as persoas participantes as que acenderon as brasas para esta nova volta da Redeira.
Despois de coñecermos a través de preguntas abertas, compartimos en pequenos grupos as nosas lideiras sobre para que cremos que A Redeira pode ser útil.
Aquí deixamos algúnhas das ideas, propostas e necesidades que identificamos para estes novos tempos onde máis que nunca son esenciais as redes de colaboración e axuda mutua.
- Construír outro modelo de relacionarnos a través de espazos para coñecermos e facer grupo con xente afín onde socializar máis alá das pantallas para divertirmos e rir. Entre outras propostas, destacamos as de crear encontros entre xentes diversas en idade, profesión, cultura, gustos… O obxectivo é o de conectar para falar de proxectos e ideas porque a diversidade é creativa e fermosa.
- Coñecer cousas novas para aprender, compartir coñecementos e descubrir que iniciativas se están a facer no noso territorio. En especial, destacouse a necesidade de aprender outros idiomas, de argallar coas tecnoloxías, teatro, escritura e música.
- Non pensar sós e voar xunt@s. Romper co establecido, fozar, probar, cacharrear, innovar, escoitar, facer e colaborar.
- Coñecer novos lugares da nosa contorna, acercándonos máis ao rural, creando a Redeira en pobos pequenos dos arredores.
- Coidar o noso corpo con propostas como facer rutas de sendeirismo, rutinas de exercicio e momentos de desconexión.
Comments are closed