Reunións Sistemas PARA CHULA, A MIÑA PARRULA e ALÉN DOS MARCOS

O vindeiro mércores 27 de MARZO vémonos de novo para co-xestionar A Redeira, nesta data temos dúas reunións de 19 a 20h:

ALÉN DOS MARCOS: participar de “Cidades Colaborativas” (encontros mensuais con La Colaboradora para inspirarnos mutuamente), e facer de persoas “Embaixadoras Redeiras” trasladando A Redeira máis ala da nosa cidade (nacional e internacional)

PARA CHULA, A MIÑA PARRULA: axudar a facer posible “Para Chula, a miña parrula”(encontros para fomentar o feminismo e a diversidade) e axudar a fomentar o uso dunha linguaxe inclusiva que teña en conta a realidade social.  Como sabedes, algunhas das persoas que participáchedes nas pasadas reunións, tiñades claras as vosas preferencias. Pola contra, persoas que dubidaban sobre o sistema no que podían encaixar, tiveron a oportunidade de coñecer máis polo miúdo en que consiste cadanseu e polo tanto, decidir coa información que vos proporcionamos, en qué sistema lle apetece aportar o seu coñecimento e experiencia de vida.

Lembra que se queres unirte a estes sistemas tes que avisarnos por correo electrónico: ola@aredeira.gal, xa que son mediante inscripción previa para xestionar o aforo.

Aquí tendes un resumo do que tratamos nas reunións:

ALÉN DOS MARCOS: Na reunión traballamos en diferentes temas. A Redeira como espazo de acollida na cidade e como punto de encontro, conexión e escoita das novas persoas que veñen visitarnos á Boa Vila. Falouse da posibilidade de organizar encontros gastronómicos ou musicais, e romarías multiculturais de antropoloxía básica (o que ven sendo xantar e bailar). Para o mapa en google maps de Alén dos Marcos ( preme aquí para velo), fixéronse melloras e incluíronse novos puntos de conexión coa filosofía de A Redeira. Na vindeira sesión, traballaremos na ideación dalgunha proposta para o 20 de xuño, día mundial das persoas refuxiadas.

PARA CHULA, A MIÑA PARRULA: Este sistema está totalmente envorcado ao redor da Diversidade, por iso estivemos a reflexionar acerca de como crear o espazo da Redeira contando cunha visión de aceptación dende o punto de vista de Persoa. De aquí a próxima reunión temos como tarefa a de recoller ideas para incoporalas no futuro espazo físico e tamén coidar que a comunicación sexa coherente con este propósito.